Olá cabritiños, somos Mamá Cabra!
Somos
un grupo de música infantil no que traballamos diferentes
músicos : Pablo Dalama Piñeiro (frautas, gaita,
saxofón), Paco Cerdeira Castiñeiras (guitarra
eléctrica), Diego Maceiras Pedreira (acordeón, acordina),
Rodrigo López Muñoz (batería e percusión),
Tomi López Serrano (baixo eléctrico e guitarras), Paula
Romero Canedo (coro), Sandra Romero Canedo (coro), Montse Rivera Crespo
(coro), Merchy Rozas (coro), Miguel Flores (coro), e Gloria Mosquera
Roel (voz) que son eu.
A idea orixinal partíu de facer cancións para as miñas clases de Educación musical, e a primeira canción naceu na biblioteca do colexio no que estaba, despois de ler o poema do “Timoteo” de Gloria Sánchez que está no libro “Rimas con letra”. Empezamos coa idea de facer un disco: CANTOS RODADOS, de dez temas que se baseaban en poemas de autores como: Antonio G. Teijeiro, Concha Blanco, Ana María Fernández... e Gloria Sánchez, claro. Pero acabamos subidos a un escenario e artellando xogos para compartir un momento de ritmo, canto, audición e sobre todo movemento musical.
Agora temos sete traballos publicados e dous espectáculos en marcha: Ola, ola, la!, e Cantos pequenos. No primeiro cantamos as cancións do último traballo e no segundo un remix das cancións que mais gustaron das nosas publicacións. Os espectáculos son sobre todo participativos e didácticos. Sempre hai unha canción para falar da importancia de comer de todo, de comer froitas e verduras, sempre hai algunha de bailar e sempre hai algunha de cantar. Duran sobre unha hora e van dirixidos a nenos e nenas entre 0 e 10 anos.
Esperamos vervos nalgún deles.